Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘literatura’

A memoria como rizoma

basilio

O autor Básico Rodríguez, compañeiro do Ateneo, acaba de sacar á rúa a súa segunda novela “Un sábado longo”. Conta nela, a partir dunha broma feita a primeiros da década dos oitenta durante unha esmorga de mozos, mediante unha técnica narrativa de inspiración oral e cun espléndido dominio da lingua, os acontecementos que condicionaron dende a guerra civil e a posguerra as relacións sociais dunha imaxinada comarca da Galicia interior, que sitúa entre os ríos Cabe, Miño e Sil.

Cada capítulo é introducido mediante unha descrición ornitolóxica que asocia o personaxe que vai dando conta dos sucesos, das ilusións, dos odios, das relacións, das interpretacións e comentarios que fan referencia ao mundo campesiño no que desenrola a vida. Ao final o conxunto das historias persoais completan o círculo dunha sociedade, pobre, miserable, insolidaria e pechada sobre si mesma. Porque por baixo escóndense vellas liortas e traxedias rurais que van aflorando a luz dos recordos. Hai a memoria dos labregos que mantense solapada no medio do esquecemento. E que unicamente desaparecerá ca morte dos diversos protagonistas.

Así a novela convértese nun coidado intento de acercamento ao pasado recente que tan de moda está nos medios literarios. Mais esta obra non é unha máis das moitas publicadas sobre a temática da memoria en Galicia duns anos aquí. Aínda que non dispuxo de algunha crítica ou promoción nos medios culturais, o autor é un “outsider” que non participa das capelas do gremio, a publicación de “Un sábado longo” fainos esquecer falidos intentos sobre queimas de libros ou asasinos hospitalizados nas derradeiras horas.

A obra  sitúanos ante un autor que si nun futuro deixa falar os textos; si pule a escritura de xogos de palabras que tanto lle gustan, de referencias meta literarias, de explicacións e xustificacións persoais; si persiste; en pouco tempo veremos o gran escritor que leva dentro e que todos desexamos.

Conta ademais coas ilustracións de dous artistas novos: Teresa Cobo e Wenceslao Lamas.

Edita: A Gracia-Veniais Edicións. Lugo, 2008.

Read Full Post »