Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘tecidos e novidades’

Non se dan acotío no Congreso de Deputados debates que incidan na visión ideolóxica-simbólica do Estado. E cando se producen os medios informativos pasan por eles como os raios do sol por unha vidreira. Tal ocorreu coas propostas de Izquierda Unida e do Bloque Nacionalista Galego que se discutiron o pasado luns, día 27 de maio.

Votáronse dúas propostas de amplo contido laicista. Unha para poñer fin aos acordos anticonstitucionais co Vaticano que regulan as relacións Igrexa-Estado. A outra pretendía chimpar das tomas de posesión institucionais os símbolos relixiosos. O franquismo neste eido deixounos o protocolo de xurar ante un crucifixo e unha biblia. A Transición soamente impuxo engadir un exemplar da Constitución de 1978.

A maioría da cámara (PP e PSOE) votou en contra, pois amentar nela os acordos que establecen os privilexios da Igrexa é como nomearlles o demo. E por outra intentar que o Xefe do Estado, neste caso o rei Juan Carlos Borbón, teña que prescindir da simboloxía católica no palacio que pagamos entre todos é aínda máis pecadento. Esta maioría política demostrou que non está disposta a renunciar tan sequera a unha das serviles costumes que impón a Casa Real.

Nunha intervención hipócrita o portavoz do PSOE, Ramón Jáuregui, intentou responder ao sector laicista do partido dicindo que “a laicidade debe ir ao ritmo dos cambios sociais”, e por outra parte tamén intentou suavizar a relación do partido coa monarquía e a Igrexa ao declarar que “nas tomas de posesión dos ministros o crucifixo está de máis, mais non debe facerse unha lei para prohibilo”. Se a finalidade era a de non molestar á Igrexa, quizais o mellor sería que desapareceran as tomas de posesión dos cargos das maxistraturas do Estado, como ben propuxo o católico PNV.

Pero a hipocrisía política vai por barrios. Así recentemente, no mes de febreiro, entronizouse como derradeiro bispo de Lugo o sobriño do ultramontano Rouco Varela. A asistencia dos representantes do pobo foi obrigada (que lle pregunten a Luis Méndez Romeu, conselleiro da Presidencia da Xunta). Senón presentaban o debido desagravio por non comparecer, en forma de dezmos e primicias. Foi o caso do nacionalista Fernando Blanco, conselleiro de Industria, que na semana seguinte da entronización, regaloulle ao bispo, unha subvención á conta dos orzamentos da Xunta de 68.000 euros, coa escusa da promoción da riqueza monumental da dioceses. (Polo que parece conselleiro encargado no Goberno Galego de manter as grandes factorías dos empresarios especializados en petos de ánimas e cepillos). Son exemplos que manifestan a hipocrisía ideolóxica e a deriva táctica dos representantes do pobo. Sempre en función dos quilómetros que os separen de Santiago de Compostela. Canto maior é a distancia, maior é o oportunismo político.

Read Full Post »

Onte Paco Vázquez, representante de España ante o Estado Vaticano, foi a Lugo para dar unha conferencia sobre a caridade cristiá. Non puideron escoller mellor pregoeiro pois sempre actuou movido pola gratificante práctica piadosa de que a “boa caridade comeza por un”. Mais ás preguntas de periodistas refocilouse en recomendar que na declaración do IRPF deste ano: “se marque la X en la casilla correspondiente a la aportación social a la Iglesia”. Causa vergoña que un alto representante dun estado aconfesional participe nas campañas publicitarias dunha entidade sectaria que utiliza os sectores máis desfavorecidos da sociedade para encubrir o seu orzamento. Non ten bastante a Igrexa cos cartos que recibe a través dos Presupostos do Estado, produto dun Concordato anticonstitucional; das achegas a través do soporte ás escolas concertadas; das subvencións á conservación do patrimonio; da exención de impostos na especulación inmobiliaria; dos cepillos parroquiais; en fin do Sursum Corda.

A Igrexa ten unha boca sen fondo para mercar vontades, como nos casos dos bispos e cregos pederastas; para encubrir operacións como Forum Filatélico e Gescartera; para tapar buracos como a Banca Vaticana e a Loxa P-2; para acometer operacións políticas ao servizo do poder americano; para organizar manifestacións contra leis aprobadas polos representantes da soberanía popular; para espallar campañas contra dos homosexuais, do divorcio, do aborto, das parellas de feito.

Ao señor embaixador todo esto non lle importa. El móvese entre a fineza florentina que envolve a cidade vaticana onde a sutileza das formas encubre a maior máquina de extracción económica do mundo.

Aínda que non o sabemos é de crer que despois da conferencia, e durante a súa estadía en Lugo, acompañado do bispo da cidade, dos cóengos da catedral, do alcalde da cidade e outras autoridades, comerían ben na institución eclesiástica da Cociña Económica, arrodeados todos eles por multitude de desamparados aos que como bos cristiáns daríanlles nos postres unhas preciosas estampiñas de santos.

A Paco Vázquez dende que está no cortello vaticano, tómaselle como diversión matutina mentres bebemos o café entre tarefa e tarefa. Imaxinamos o papel que fai na pequena Corte romana. Moverase por ela con paso oscilante, como lume fatua, presentándose tal fantasma que bailase una danza dirixida polo cardinal camarlengo responsable do protocolo. A curia debe aguantalo, como ás prostitutas do Tíber, mentres poda ser útil, poda divertir, e non estorbe demasiado. Ata que acabe recibindo unha solemne patada, ou cousa peor, dende a Moncloa. Pasando dos salóns de festas diplomáticas a recibir os honores que engalanan o cadaleito: gran cruz da orden da alpargata real; pequena cruz do ouriñal papal; cabaleiro dos cantóns inmobiliarios; socio honorario da prelatura do Opus Dei; berenxena de ouro do Papagallo; cunca trasfegadora de prata do viño de Betanzos; fillo adoptivo da cociña económica; etc., para ingresar definitivamente no panteón familiar de San Amaro.

Levamos dende a famosa Transición aguantando este Entroido de políticos aventureiros, que durante o franquismo estaban de vacacións, composto sempre dos mesmos personaxes que dan voltas continuas dende Galicia a Madrid, e dende Madrid ao mundo mundial. Alí onde se atopan, protéxense e sostéñense mutuamente. Poden cambiar os nomes mais todos parasitan o orzamento público. Teñen un frío descaro e unha presenza de ánimo a toda proba que explotan como seres vaidosos e necios. Para iso utilizan como armas a adulación e o afectado respecto. Mestres no dominio dos nervios e na psicoloxía. Serviles sempre, falan con actitude enfática semellante aos cómicos. En fin, sen oficio nin responsabilidades saquean o contribuínte e moven os fíos do aparello estatal.

Read Full Post »

Hai unha semana sorprendeunos o vello cacique Manuel Candal, alcalde de Vilamartín de Valdeorras, coas “flores” dedicadas ao vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. Os máis sabios contan que non era a súa intención atopar unha componenda que o libérara dos “affaires” urbanísticos que está a padecer. Nin que intentara, xa que os veciños coñecen ben que é o home máis desprendido cos da súa casa, que as espitas institucionais seguiran inundando de cartos á Fundación Valdegodos. Senón que as alabanzas saíron espontaneamente ao descubrir de súpeto, como un novo Paulo caído do cabalo, que o paraíso atoparase nos anos próximos no Bloque Nacionalista Galego.

Como dende o Bloque, nin o deus Quintana nin os seus anxos valdeorreses moveron un músculo da cara, é moi posible que deica pouco vexamos as ovellas de Candal e de Baltar, pacendo de balde nas cortes nacionalistas. Sonche cousas do demo que é moi rufián e enredador!

Mais non é o único caso no que se intenta mercar o paraíso hoxe en día en Galicia. Sen debullar moi lonxe Fernando Blanco, conselleiro de Industria da Xunta e cadro político do Bloque, mediante unha modélica manobra regálalle aos cregos de Ourense 1,3 millóns de euros, coa escusa da recuperación do patrimonio eclesiástico. Subvenciona así á máis vella e maior empresa creadora de riqueza da provincia, que conta con varios grandes centros industriais: seminarios e conventos. De aí saen infinidade de manufacturas que inundan os mercados mundiais. Ourense co apoio da Consellería de Industria está a conseguir que os seminaristas provinciais sexan moi apreciados pola curia romana, polas nunciaturas vaticanas, e polos bispos norteamericanos antes de arruinarse polas prácticas de pederastia.

O bispo Luis Quinteiro, na estela de Manuel Candal, di que “a diócese ourensá recibe máis axudas que na época na que a Xunta estaba presidida polo PP”. Tras estas declaracións Fernando Blanco exclamou: Outro persoeiro no bote do Bloque!

E todo por unha pequena doazón ao peto da Igrexa que este “individuo”, desprezando a Constitución española, que articula o Estado como aconfesional, permítelle seguir a manter un bo cortello para os seus camaradas. E seguir a soñar cun futuro país independente, baixo unha renacida “monarquía sueva”, na que os bispos e os cregos dirixan o edén na terra no que se transformará Galicia.

Read Full Post »