O sábado día 11 ás 12.00h no Concello de O Barco celebrarase unha homenaxe ao noso compañeiro do Ateneo Republicano, Carlos Blas. Será un pequeno recoñecemento a toda unha vida dedicada a defensa dos traballadores e as capas máis desfavorecidas da sociedade. Porque, xunto con outros, a Carlos Blas en Valdeorras debémoslle o renacer da conciencia e dignidade obreira en momentos nos que só existía covardía e barbarie. Traballador da RENFE montou nos anos sesenta e setenta na comarca as novas ferramentas de loita: CC OO, Asociacións de Veciños, Unións Agrarias, que se converteron nos eixes do amplo movemento antifranquista que determinou a desfeita da ditadura.
Dende o Ateneo queremos sumarnos ao acto e agradecerlle, nun mundo dirixido por arribistas, beatos, estafadores e filisteos, a exemplaridade dunha traxectoria só guiada pola entrega desinteresada e a dignidade persoal.
Homenaxe a Carlos Blas
Febreiro 9, 2012 por valdeorrasrepublicana