Nunha enquisa feita, a escasas horas da manifestación de Ourense en apoio de Benigno Moure, entre os presos de Pereiro de Aguiar recollíase o estado de opinión sobre a súa futura beatificación. O 90% dos 470 internos con que conta a cadea declaráronse a favor da creación inmediata dun comité pro canonización do casto reverendo. Máis cando é xeneralizada a opinión de atribuír o primeiro milagre que inicie o proceso á imposibilidade do Estado para engaiolalo.
Para os presos este pequeno motivo converte a figura de Benigno Moure nun referente de futuro para súa vida. A maioría purga penas por afanar carteiras, mondongos, ferramentas, galiñas e polos polas aldeas e vilas da provincia. Agardan con intereses que as entidades más representativas da sociedade ourensán cas que teñen máis dunha coincidencia: o gremio de reparación de vehículos, os empresarios provinciais, as asociacións Limiar, a confederación de recollidas de cepillos e de vendedores de bulas, os acaparadores de subvencións, os parentes de opositores á Deputación, convoquen novas mobilizacións para poñelos a todos na rúa. Sería o segundo milagre atribuíble ao futuro santo a quen a internacional masónica enquistada no poder xudicial non perdoa, por envexa, que unha vella deficiente mental o tivese en conta no testamento.
Elocuente exemplo dunha xustiza politizada que dedicase a perseguir os grandes emprendedores de Galicia: os carlines, os miñancos, os marioscondes, os roures, … que representan un exemplo e modelo a imitar pola nosa xuventude.
Finalmente os presos queren facer constar que no improbable caso de que o futuro santo teña que padecer a proba, a vontade divina é inescrutable, de tomar o sol uns días no patio protexido de Pereiro de Aguiar loitaran para que o Vaticano declare a san Benigno Moure copatrono, en maridaxe ca virxe das Mercedes, da poboación reclusa española, ou cando menos da galega. O bispo da dioceses recibiu satisfeito a idea e manifestou que era inquisitorial perseguir ao crego por ser tolerante cos cartos e respectuoso cas doazóns. Galicia e Ourense non se merece tanta afronta.
¡¡¡¡Por un Benigno Moure primeiro na cadea e despois nos altares!!!!
Benigno Moure e a virxe das Mercedes hanse casar
Xullo 15, 2011 por valdeorrasrepublicana