No ano 1751 apareceu anonimamente en Francia a primeira edición do profundo ensaio L’art de péter, e aclaraba do que ía co longo subtitulo Essai théori-physique et méthodique à l’usage de personnes constipées, des personnes graves et austères, des dames meáncoliques et de tous ceux qui restent esclaves du préjugé.
O libro é o máis interesante de certa tradición literaria francesa que fixo da escatoloxía (non confundir coa rama da teoloxía) un motivo máis para triunfar en certos salóns galantes do século das Lumières. Nunha sociedade chea de contradicións pre revolucionarias, centos de publicistas menores, dedicáronse a festexar á vida, a poñer en solfa os prexuízos sociais e relixiosos, e acabaron abrindo camiños polos que se colaría finalmente a triunfante Razón. O autor P. T. N. Hurtaut foi un deles e tiña trinta e dous anos cando publica A Arte de Peidear no que intenta facer do vento, dos gases, do ruído, da merda, do cheiro, da sucidade, unha experiencia da beleza ou cando menos unha ciencia. Por iso para o noso autor “mexar sen facer peidos é como chegar ata Dieppe e non ver o mar” ou “o que sae do cu hai que transformalo nun pracer”. Chega a catalogar sesenta e dous modalidades de peidos que fai da súa lectura unha entretida e agradable diversión. Tamén, aos que temos raiceiras rurais, axúdanos a rememorar multitude de ditos, piadas, argalladas, nas que participamos. Como non recordar os contos sobre do noso gran Amancio Fidalgo, natural de Chandoiro, que xa de neno interpretaba a Marcha Real dunha tacada e sen feder, e que a primeiros do século pasado competiu no Folies Bergère de París contra o lendario Joseph Pujol. Mais parece que foi derrotado, segundo as crónicas polo chovinismo do xurado, e porque Pujol interpretou a Marsellesa nunha nota máis alta o que fixo poñer aos espectadores firmes.
A Arte de Peidear, publicada por primeira vez en galego grazas ao esforzo de VeniasEdicións de Lugo, conta cunha excelente tradución do sempre innovador e sorprendente Básico Rodríguez. É de destacar que acompaña un extenso e meticuloso Glosario Escatolóxico do que a lingua ata de agora carecía. Xusta homenaxe á creatividade metafórica dos nosos labregos que recolleu con moito cariño e pouco nariz o estudoso Francisco Cobo.
Peidear con xeito
Novembro 12, 2009 by valdeorrasrepublicana