A primeiros de mes foi apresado nas augas do Océano Índico o pesqueiro Alakrana, atuneiro radicado en Bermeo que levaba unha tripulación de 32 mariñeiros. O incidente desatou un novo debate social e político con declaracións, acusacións e propostas que encobren unha gran operación de impostura e fariseísmo. Vólvese, como no mes de abril, tras o caso do “Playa de Bakio”, dende a patronal dos armadores, e dende a dereita política, intentar conseguir novas artimañas de protección dos pesqueiros que traballan na zona do Corno de África. Argumentan que xa non chegan as anteriores medidas postas en pé polo goberno de Rodríguez Zapatero: desprazamento de barcos da mariña de guerra que costa aos contribuíntes do Estado 75 millóns de euros anuais e que eles non están dispostos asumir; coordinación co resto das flotas dos países de Europa; e control do mar dende os satélites espías da OTAN. Esixen agora imperativamente poder embarcar pelotóns do exército acompañando as tripulacións, sabendo que o dereito marítimo internacional non o permite.
E todo iso porque dende un principio levan a iniciativa os propietarios dos pesqueiros que lograron introducir no discurso mediático a terribel figura, anclada no subconscente colectivo, dos piratas. Deste caldo comen as televisións e os periódicos que non paran de falar das reencarnacións de Barbarroxas, de Drakes, de Sandokanes, nas figuras desarrapadas dos “corsarios” somalís. Ocultan que os John Silver destes tempos son os depredadores dos recursos do mar. Os que aproveitando as vantaxes que supón a inexistencia dun Estado somalí esquilman os seus mares, que son a maior reserva de atún roxo do planeta, e que converten as súas augas no maior vertedoiro do lixo nuclear europeo. 
Porque ao contrario do que pasou en Canadá durante a guerra do fretán ou en Marrocos onde a UE tivo que chegar a acordos (dolorosos por ter que pagar centos de millóns de euros), nas augas somalís hai carta branca para roubar. Para pagar nóminas de 300 euros mensuais aos mariñeiros embarcados procedentes dos países do terceiro mundo (o Alakrana levaba oito indonesios, catro ganeses, tres senegaleses, dous de Malaisia, dous de Costa de Marfil, e un das Séichelles, xunto cos 16 españois). Para facerse ricos nun plis plas (180.000 toneladas sacan da zona os 24 atuneiros españois que representa unha media anual de 1.500 millóns de euros). Para desviar impostos coas bandeiras de conveniencia cara paraísos fiscais (o Alakrana tamén operaba baixo o pavillón das Séichelles). Para cobrar as inmensas subvencións da Unión Europea dedicadas á inacabable reconversión do sector pesqueiro.
A pesar do lavado de cerebro que intenta presentar a retención dos atuneiros como unha afronta ao honor nacional, e da intervención do xuíz Garzón, facendo de brazo executor dos Brazza, dos Leopoldo II, dos Rhodes e dos Graziani, dos nosos días, os “bucaneiros” somalís, que se auto chaman Garda Costeira Voluntaria de Somalia, o que intentan é recoller as migallas da riqueza natural que produce o seu país e que é saqueada sen miramentos diante dos seus ollos. Como ben declarou ao diario británico The Independent, un dos seus líderes: “Non somos piratas do mar. Os piratas son os pescadores que clandestinamente nos rouban os nosos peixes”.
Barbarroxa de volta no Índico
Outubro 19, 2009 por valdeorrasrepublicana