Obsérvase dende os finais do anterior réxeme que nos medios crentes infiltrouse un groseiro materialismo. E é que o home pon por diante os bens materiais aos espirituais nesta e na outra vida. Mais o subconscente humano reacionou contra o racionalismo, o positivismo e o materialismo reinantes, e nunca como nos derradeiros anos buscou o home o que o redima da incredulidade e adición aos praceres sensuais, escondéndose nas sombras das novas seitas. Perdeuse a fe, négase a existencia de Deus, presúmese do progreso científico e técnico, faise escarnio da ignorancia e do escurantismo. Por outra parte búscanse demagogos, magos e adiviños aos que se lle da crédito sendo o ateísmo o norte da súa vida. Quizais nunca foi tan grande o nivel de impiedade e incredulidade como na actualidade.
Mais a comezos de ano deuse un feito providencial: o triunfo do noso Feixoiño nas eleccións galegas. Por todas partes fálase das curacións milagreiras no corpo social de Galicia que estenderon polo mundo mundial a fama do mozo célibe dos Peares. En poucos meses erradicou o desánimo e o materialismo que afogaba a comunidade. O idioma castelán está a renacer despois de sufrir durante catro anos un doloroso e exterminador xenocidio. O dialecto galego volve a ser considerado o mellor medio para entenderse coas bestas. Ao próximo Xacobeo acudirán ata as xentes do Magreb para reverenciar ao Santiago matamouros. A Cidade da Cultura acabarase para acoller os restos do gran prohome e fascista insigne, Fraga. Co novo concurso eólico os galegos teremos a electricidade de balde. Prohibirase a entrada as creses económicas poñendo unha fronteira na raia dos portos do Padornelo e a Canda. Crearase unha policía autonómica especializada na proteción das células biolóxicas. Declararanse bens comunitarios a defender todos os óvulos, os espermatozoides e os cigotos, e perseguirase aos masturbadores e as nenas preñadas que non queiran estar. E no colmo dos portentos gobérnase coa meta de apurrar o indulto do gran ideólogo nacional do alzheimer, o abade “Maligno” Conde.
Agora ben para levar a bo fin todo iso necesítase un permiso especial de parte do cardenal Rouco, convalidado pola prelatura persoal romana do Opus Dei. Á espera de que o aviso sexa posto no “Obsservatore Romano”, diario oficioso do Estado Vaticano, os conselleiros seguirán apremándose aos cilicios. Máis mentres non chega persistirán nestes, dende os grandes éxtases do 1 de marzo, certas neuroses de desexo na emulación do seu grande e providencial guía.
Sete meses de Feijooada
Outubro 1, 2009 by valdeorrasrepublicana