O clero ourensán está a recoller firmas dende os púlpitos ca ocorrencia de arranxar un indulto para o noso gran ideólogo Benigno Moure. Este home de deus e cidadán exemplar mantiña unha organizada cuadrilla para mandar a outro barrio aos incautos sen equipaxe. O método que patentou era moi limpo. Primeiro os aloxaba, tiña predilección polos maiores de setenta anos, nas ventas e pousadas que baixo a franquicia de Fundación san Rosendo, espallou polo sur de Galicia. De seguido e com tempo de rezos, rosarios, procesións e misas, atolábaos, para nese momento aparecer os colegas: monxas, enfermeiras, escribintes, notarios, que con grande profesionalidade acababan de puír o pre fiambre.
O Tribunal Supremo non entendeu este meritorio labor social que Moure levaba a cabo, xa que lle impuxo unha pena, por imprudencia, de cinco anos de cadea, amais da devolución das propiedades e 600.00 euros que afanara das contas bancarias aos herdeiros dunha muller medio pensionista á que deixou sen pel de tanto rascar.
Na larga lista de rúbricas que os militantes do Vaticano agardan recoller, varios centos de miles, non faltan, como nas eleccións, algunhas das que os seus donos levan anos no camposanto. Tampouco as de piadosas damas de confesión diaria. Por non falar das infinitas pegadas e cruces de cidadáns que malia sufrir de alzheimer ou demencia senil non queren deixar de solidarizarse cun crego tan mártir hoxe, e no futuro, santo.
Poña un X na cas(u)lla
Xuño 23, 2009 by valdeorrasrepublicana