Cada certo tempo saen fantasmas que, a imitación do mostro do lago Ness, sempre reviven cando decae o negocio montado arredor deles. Un moi recorrente é a periódica campaña empresarial para abaratar o despido e baixar os salarios. Chámana “reforma laboral” e preséntana como a solución máxica para saír das creses económicas. Interesadamente ocúltase que os países menos afectados son os que manteñen unha boa regulación laboral: Alemaña, Francia, Suecia, Finlandia… e que non se dedicaron a impulsar políticas económicas especulativas.
Pois ben nestes días, aproveitando que o Douro pasa por Zamora, renace a polémica sobre a necesidade da enerxía nuclear. E é que o día cinco de xullo acaba o permiso de 40 anos que tiña para operar a nuclear burgalesa de Santa María de Garoña, a primeira aberta no Estado español. A central e propiedade da antiga empresa pública Endesa, privatizada polo goberno do insufrible Chemari, e de Iberdrola, empresa que paga multimillonarias campañas publicitarias para vendernos a súa aposta pola enerxía limpa. Son anuncios cheos de auga, bosques, vacas, vento, verde, e montes impolutos.
As dúas empresas aportan inxentes cantidades de cartos para financiar o “lobby” nuclear español que está a dirixir a propaganda para convencernos de que sen enerxía atómica as cavernas serían o noso futuro. Falan de máis centrais para equipararnos a Francia, máis non a Suecia que as está a pechar. Tamén esconden datos como que hoxe en día somos exportadores netos de enerxía eléctrica ou toda a problemática dos residuos aos que aínda non se lles atopou unha solución técnica. No colmo do cinismo preséntanse como os defensores de postos de traballo que é o mínimo que se lle pode esixir a un sector empresarial con esaxerados beneficios en base a intervención estatal que lles asigna as tarifas e o réxime de monopolio territorial. Tal é a pantalla humanitaria que encubre a cara da explotación económica. En fin queren máis reactores atómicos pero lonxe das súas propiedades e familias.
Como capitáns desa brigada atómica atopamos a todo tipo de “vende burras”. Políticos prexubilados: o ex presidente do goberno, Felipe González, e a ex ministra de exteriores defensora do exterminio de iraquís, Ana de Palacio. Tampouco fallan os fósiles da FAES, os comedidos enxeñeiros nucleares, e os membros do Consello de Seguridade Nuclear que elaboran informes ao gusto de quen llos paga. O “lobby” sabe que a peza de Garoña, que só produce o 1% da electricidade consumida no Estado, non é importante. O que se decide na resolución sobre Garoña é o peche ou non do resto das centrais ás que nos próximos dous anos se lles acaba a concesión.
Amais os intereses son tan fortes que a dereita política só ten que esperar a resolución que tome o Goberno de Rodríguez Zapatero para recoller os beneficios. Se a pecha, como prometía no programa electoral que o levou á Moncloa, perderá o favor da oligarquía eléctrica que coincide en gran maneira cos intereses dos grandes bancos. Se non a pecha perderá igualmente parte da súa base electoral que se atopará unha vez máis burlada. O tempo corre e acabará dicíndonos por que bando social toma partido Zapatero.
A decisión española pode condicionar o goberno socialista portugués para autorizar ou non a construción da súa primeira central nuclear. O proxecto do reactor prevé montalo na raia de Tras os Montes a escasos 50 quilómetros da nosa bisbarra. Deste xeito os valdeorreses pasariamos a ser afectados directos ao tempo que convidados de pedra.
A nuclear de Garoña e a parte escura da forza
Xuño 13, 2009 by valdeorrasrepublicana