Dende a celebración das derradeiras eleccións que retornaron á dereita reaccionaria o Goberno galego a Igrexa quere cobrar a súa contribución á vitoria. Así onte a curia de Compostela descolgouse pola boca do deán da catedral, José María Díaz, coa proposta de reservar a praza da Quintana só para grandes eventos relixiosos. Argumenta que hai que protexer a catedral e os sitios circundantes, en especial a “porta santa”. Mais esconden que o que queren é manter a exclusividade dos ingresos que lles aportará o próximo “ano santo”, a celebrar no 2010. Ven que o negocio da seita entra en conflito por unha banda coa multitude de actos lúdicos e festivos que o Concello de Santiago fai na praza, e pola outra coa tradicional manifestación do 25 de Xullo dos nacionalistas.
As declaracións destapan o pensamento profundo que a curia ten da realidade social e a práctica política na que se moven. Non entenden que nunha sociedade plural son os poderes laicos os que deben velar porque os lugares cidadáns non sexan apropiados por ninguén. Devecen as fervorosas prácticas anuais do nacional catolicismo no seu esplendor: procesións e misas nas rúas e nas televisións, performances da “semana santa”, submisión dos políticos na ofrenda ao Apóstolo…, que a ditadura impuxo mediante a represión da que foron cómplices, cando non executores. Devecen implantar unha nova “cidade de deus”, que sexa unha transposición a Galicia do absolutista e teocrático Estado Vaticano. Devecen un estado totalitario guiado polas encíclicas papais, que ao modo das fátuas islámicas, dirixan todos os recunchos da vida das persoas.
Si o goberno da Xunta, ou do Concello de Santiago, son incapaces de defender os fundamentos nos que se asenta o Estado democrático, propoñámoslles transformar a praza da Quintana durante o “ano santo” nun lugar de encontro exclusivo para a práctica da pederastia. Iso si, sempre que sexa relixiosa. Para impulsar a iniciativa poden pedir asesoramento aos bispos e cregos estadounidenses. Ou pagarlles a viaxe aos 25.000 nenos desfavorecidos que nos internados da católica Irlanda padeceron o acoso e as violacións dos freires e cregos aos que estaban encomendados. É unha proposta que damos de balde para que podan seguir a encher os petos de todas as igrexas, conventos, congregacións, e colexios da capital de Galicia.
Na Foto: Dolores Villarino, presidenta do Parlamento galego, con Julián Barrio, na Ofrenda ao Apóstolo do ano 2008.