Co próximo Día das Letras Galegas dedicado á figura de Ramón Piñeiro vénme á memoria o ambiente “conspirativo” da Compostela dos anos finais da década do 60 e comezos da dos 70. Naquela pequena cidade, aparte das pensións e residencias estudantís nas que pululaban os novos activistas do antifranquismo marxista, había dous pisos famosos aos que se accedía mediante a invitación dun iniciado. Funcionaban como pequenas loxas que intentaban crecer nos caladoiros dos rapaces máis vivos da Universidade e do Instituto Xelmírez, daquelas radicado na actual sede central da Xunta en San Caetano.
Un dos pisos atopábase na rúa da Senra, a carón da famosa clínica do reitor fascista Echeverri, e nel axudaban a estudar coa condición de que cara a tardiña acabárase rezando o rosario. Si se persistía asistindo o premio podía consistir en facer a carreira aloxado na residencia da Estila, impulsada polo varias veces ministro de Franco, Lauréano López Rodó, que exercera de catedrático en Compostela, coa intención de acrecentar os seguidores na cidade arcebispal do fundador do Opus Dei, Josemaria Escrivá de Balaguer.
O outro piso estaba na rúa de Xelmírez, sendo posteriormente coñecido polas conversas e discusións que se facían arredor dunha mesa redondiña. (Hoxe en día non hai persoeiro galego que non presuma de participar naquelas sesións da “camilla espiritista”). Neses anos o seu dono era, un home prematuramente avellado con aspecto de triste oficinista, que cunha gabardina branca viamos pasear polos soportais da rúa Nova. Era Ramón Piñeiro, referente, na gris Compostela da época, da resistencia cultural do galeguismo.
Ramón Piñeiro nacera en Láncara en 1915 e xa de moi mozo participará durante a IIª República na fundación das Mocedades Galeguistas de Lugo. Malia a derrota na Guerra Civil das liberdades que articularan a Autonomía galega seguiu militando no Partido Galeguista. Fixo de enlace entre a dirección do partido no exilio e os grupos do interior ata que foi detido en 1946 e condenado a seis anos de cadea dos que cumpriu tres en diversos penais.
Na cadea estudou o filósofo nazi Martín Heidegger, de quen acadou traducindo varias obras. Moi influenciado pola verborrea heideggeriana de Ser e Tempo, de quen tomou o concepto de destino referido a unha comunidade. Expón así unha nova visión ideolóxica do pobo galego que fai descansar na conservación no tempo de aspectos culturais diferenciados. Sendo o idioma o factor determinante introduce a saudade como un distintivo da configuración da comunidade. Para o nacionalismo galego do momento, que teorizaba o feito diferencial dende unha visión marxista que Castelao tomara do catecismo stalinista, supuxo unha traizón. E de aí partiu a ruptura entre o exilio galeguista e o círculo piñeirista do interior. Quebra que o levou a fundar en 1963 o Partido Socialista Galego de raiceiras ideolóxicas socialdemócratas.
Máis o voluntarismo e activismo de Piñeiro logrou montar dende os inicios dos cincuenta, a ditadura suavizara a represión tras os acordos cos EE UU, toda unha serie de iniciativas culturais: creación da editorial Galaxia, fundación da revista de pensamento Grial, e da Revista de Economía de Galicia, que tiñan por finalidade a conservación do idioma galego, tarefa que ante a agresión franquista consideraba prioritaria.
Nos seus derradeiros anos, morreu en 1990, a deriva ideolóxica conservadora faino entrar de deputado no primeiro Parlamento galego da restauración Xoancarlista, como independente nas listas do PSdeG-PSOE. Máis tarde noméano presidente do Consello da Cultura Galega. A súa obra literaria xirará arredor de ensaios que terán como eixo a “bretemosa” idea da saudade, refugando de calquera consideración que leve o mínimo pensamento de liberación colectiva ou de clase.