O clero ourensán está a recoller firmas dende os púlpitos ca ocorrencia de arranxar un indulto para o noso gran ideólogo Benigno Moure. Este home de deus e cidadán exemplar mantiña unha organizada cuadrilla para mandar a outro barrio aos incautos sen equipaxe. O método que patentou era moi limpo. Primeiro os aloxaba, tiña predilección polos maiores de setenta anos, nas ventas e pousadas que baixo a franquicia de Fundación san Rosendo, espallou polo sur de Galicia. De seguido e com tempo de rezos, rosarios, procesións e misas, atolábaos, para nese momento aparecer os colegas: monxas, enfermeiras, escribintes, notarios, que con grande profesionalidade acababan de puír o pre fiambre.
O Tribunal Supremo non entendeu este meritorio labor social que Moure levaba a cabo, xa que lle impuxo unha pena, por imprudencia, de cinco anos de cadea, amais da devolución das propiedades e 600.00 euros que afanara das contas bancarias aos herdeiros dunha muller medio pensionista á que deixou sen pel de tanto rascar.
Na larga lista de rúbricas que os militantes do Vaticano agardan recoller, varios centos de miles, non faltan, como nas eleccións, algunhas das que os seus donos levan anos no camposanto. Tampouco as de piadosas damas de confesión diaria. Por non falar das infinitas pegadas e cruces de cidadáns que malia sufrir de alzheimer ou demencia senil non queren deixar de solidarizarse cun crego tan mártir hoxe, e no futuro, santo.
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Cada certo tempo saen fantasmas que, a imitación do mostro do lago Ness, sempre reviven cando decae o negocio montado arredor deles. Un moi recorrente é a periódica campaña empresarial para abaratar o despido e baixar os salarios. Chámana “reforma laboral” e preséntana como a solución máxica para saír das creses económicas. Interesadamente ocúltase que os países menos afectados son os que manteñen unha boa regulación laboral: Alemaña, Francia, Suecia, Finlandia… e que non se dedicaron a impulsar políticas económicas especulativas.
Pois ben nestes días, aproveitando que o Douro pasa por Zamora, renace a polémica sobre a necesidade da enerxía nuclear. E é que o día cinco de xullo acaba o permiso de 40 anos que tiña para operar a nuclear burgalesa de Santa María de Garoña, a primeira aberta no Estado español. A central e propiedade da antiga empresa pública Endesa, privatizada polo goberno do insufrible Chemari, e de Iberdrola, empresa que paga multimillonarias campañas publicitarias para vendernos a súa aposta pola enerxía limpa. Son anuncios cheos de auga, bosques, vacas, vento, verde, e montes impolutos.
As dúas empresas aportan inxentes cantidades de cartos para financiar o “lobby” nuclear español que está a dirixir a propaganda para convencernos de que sen enerxía atómica as cavernas serían o noso futuro. Falan de máis centrais para equipararnos a Francia, máis non a Suecia que as está a pechar. Tamén esconden datos como que hoxe en día somos exportadores netos de enerxía eléctrica ou toda a problemática dos residuos aos que aínda non se lles atopou unha solución técnica. No colmo do cinismo preséntanse como os defensores de postos de traballo que é o mínimo que se lle pode esixir a un sector empresarial con esaxerados beneficios en base a intervención estatal que lles asigna as tarifas e o réxime de monopolio territorial. Tal é a pantalla humanitaria que encubre a cara da explotación económica. En fin queren máis reactores atómicos pero lonxe das súas propiedades e familias.
Como capitáns desa brigada atómica atopamos a todo tipo de “vende burras”. Políticos prexubilados: o ex presidente do goberno, Felipe González, e a ex ministra de exteriores defensora do exterminio de iraquís, Ana de Palacio. Tampouco fallan os fósiles da FAES, os comedidos enxeñeiros nucleares, e os membros do Consello de Seguridade Nuclear que elaboran informes ao gusto de quen llos paga. O “lobby” sabe que a peza de Garoña, que só produce o 1% da electricidade consumida no Estado, non é importante. O que se decide na resolución sobre Garoña é o peche ou non do resto das centrais ás que nos próximos dous anos se lles acaba a concesión.
Amais os intereses son tan fortes que a dereita política só ten que esperar a resolución que tome o Goberno de Rodríguez Zapatero para recoller os beneficios. Se a pecha, como prometía no programa electoral que o levou á Moncloa, perderá o favor da oligarquía eléctrica que coincide en gran maneira cos intereses dos grandes bancos. Se non a pecha perderá igualmente parte da súa base electoral que se atopará unha vez máis burlada. O tempo corre e acabará dicíndonos por que bando social toma partido Zapatero.
A decisión española pode condicionar o goberno socialista portugués para autorizar ou non a construción da súa primeira central nuclear. O proxecto do reactor prevé montalo na raia de Tras os Montes a escasos 50 quilómetros da nosa bisbarra. Deste xeito os valdeorreses pasariamos a ser afectados directos ao tempo que convidados de pedra.
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Dende a celebración das derradeiras eleccións que retornaron á dereita reaccionaria o Goberno galego a Igrexa quere cobrar a súa contribución á vitoria. Así onte a curia de Compostela descolgouse pola boca do deán da catedral, José María Díaz, coa proposta de reservar a praza da Quintana só para grandes eventos relixiosos. Argumenta que hai que protexer a catedral e os sitios circundantes, en especial a “porta santa”. Mais esconden que o que queren é manter a exclusividade dos ingresos que lles aportará o próximo “ano santo”, a celebrar no 2010. Ven que o negocio da seita entra en conflito por unha banda coa multitude de actos lúdicos e festivos que o Concello de Santiago fai na praza, e pola outra coa tradicional manifestación do 25 de Xullo dos nacionalistas.
As declaracións destapan o pensamento profundo que a curia ten da realidade social e a práctica política na que se moven. Non entenden que nunha sociedade plural son os poderes laicos os que deben velar porque os lugares cidadáns non sexan apropiados por ninguén. Devecen as fervorosas prácticas anuais do nacional catolicismo no seu esplendor: procesións e misas nas rúas e nas televisións, performances da “semana santa”, submisión dos políticos na ofrenda ao Apóstolo…, que a ditadura impuxo mediante a represión da que foron cómplices, cando non executores. Devecen implantar unha nova “cidade de deus”, que sexa unha transposición a Galicia do absolutista e teocrático Estado Vaticano. Devecen un estado totalitario guiado polas encíclicas papais, que ao modo das fátuas islámicas, dirixan todos os recunchos da vida das persoas.
Si o goberno da Xunta, ou do Concello de Santiago, son incapaces de defender os fundamentos nos que se asenta o Estado democrático, propoñámoslles transformar a praza da Quintana durante o “ano santo” nun lugar de encontro exclusivo para a práctica da pederastia. Iso si, sempre que sexa relixiosa. Para impulsar a iniciativa poden pedir asesoramento aos bispos e cregos estadounidenses. Ou pagarlles a viaxe aos 25.000 nenos desfavorecidos que nos internados da católica Irlanda padeceron o acoso e as violacións dos freires e cregos aos que estaban encomendados. É unha proposta que damos de balde para que podan seguir a encher os petos de todas as igrexas, conventos, congregacións, e colexios da capital de Galicia.
Na Foto: Dolores Villarino, presidenta do Parlamento galego, con Julián Barrio, na Ofrenda ao Apóstolo do ano 2008.
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Alporízanse os nacionalistas españois porque durante a final da Copa do Rei de fútbol no campo de Mestalla foron asubiados polos seguidores do Athlétic e do Barça o himno e a parella real. Os máis energúmenos defenden dende posicións esencialistas, en contra de calquera visión da política como vontade popular, unha adhesión inquebrantable e inamovible aos símbolos pactados na Transición. Conforman toda unha capa social que teñen as raiceiras ideolóxicas nos grupos que impulsaron a desfeita da República e que permanecen ancorados nos medios informativos radicados en Madrid. Son os chamados “creadores de opinión” que dende as tertulias radiofónicas e televisivas dannos a consigna de cada día. Saben ben que a cotización depende en gran medida do nivel que poda alcanzar o seu filisteismo. Cando opinan miran de esguello si o que falan pode ofender os poderes económico, á curia, ou á Zarzuela. O radicalismo verbal resérvano para os nacionalismos periféricos e para o goberno de Zapatero, baixo o lema “leña al mono que es de trapo” e sae gratis. Por non falar dos dirixentes do PP, nostálxicos da tiranía, (Vidal Quadras, Mayor Oreja….) que avogan por modificar o Código Penal para meter na cadea a todo discrepante público da institución monárquica.
Amais están os novos demócratas que tapan a “desconsideración “ con Xoan Carlos Borbón e Sofia Grecia desviando o interese informativo arredor da censura que practicou a TVE durante o partido. Esquécense por unha banda que o Estado español é moi variado, que vai máis aló da provincia madrileña. E por outra non se paran a analizar as verdadeiras motivacións políticas da asubiada levada a cabo polos 40.000 espectadores do partido. Que é o rexeitamento dun rancio sistema político, simbolizado pola continuidade dun himno, a “Marcha Real”, imposta a sangue e lume polo franquismo durante corenta anos, e por unha monarquía como a peza máis coidada da herdanza do ditador.
Nestas situacións, as opinións de ultratumba destes intelectuais orgánicos, políticos en exercicio e “plumillas” da caverna, poderíanlle parecer a algúns a manifestación de espíritos intransixentes ou incomprendidos. Mais nas circunstancias actuais non teñen desculpa. Porque é comprensible que fale ben da monarquía quen come arredor, máis quen caeu do cabalo hai trinta anos e se podre nela, non
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Co próximo Día das Letras Galegas dedicado á figura de Ramón Piñeiro vénme á memoria o ambiente “conspirativo” da Compostela dos anos finais da década do 60 e comezos da dos 70. Naquela pequena cidade, aparte das pensións e residencias estudantís nas que pululaban os novos activistas do antifranquismo marxista, había dous pisos famosos aos que se accedía mediante a invitación dun iniciado. Funcionaban como pequenas loxas que intentaban crecer nos caladoiros dos rapaces máis vivos da Universidade e do Instituto Xelmírez, daquelas radicado na actual sede central da Xunta en San Caetano.
Un dos pisos atopábase na rúa da Senra, a carón da famosa clínica do reitor fascista Echeverri, e nel axudaban a estudar coa condición de que cara a tardiña acabárase rezando o rosario. Si se persistía asistindo o premio podía consistir en facer a carreira aloxado na residencia da Estila, impulsada polo varias veces ministro de Franco, Lauréano López Rodó, que exercera de catedrático en Compostela, coa intención de acrecentar os seguidores na cidade arcebispal do fundador do Opus Dei, Josemaria Escrivá de Balaguer.
O outro piso estaba na rúa de Xelmírez, sendo posteriormente coñecido polas conversas e discusións que se facían arredor dunha mesa redondiña. (Hoxe en día non hai persoeiro galego que non presuma de participar naquelas sesións da “camilla espiritista”). Neses anos o seu dono era, un home prematuramente avellado con aspecto de triste oficinista, que cunha gabardina branca viamos pasear polos soportais da rúa Nova. Era Ramón Piñeiro, referente, na gris Compostela da época, da resistencia cultural do galeguismo.
Ramón Piñeiro nacera en Láncara en 1915 e xa de moi mozo participará durante a IIª República na fundación das Mocedades Galeguistas de Lugo. Malia a derrota na Guerra Civil das liberdades que articularan a Autonomía galega seguiu militando no Partido Galeguista. Fixo de enlace entre a dirección do partido no exilio e os grupos do interior ata que foi detido en 1946 e condenado a seis anos de cadea dos que cumpriu tres en diversos penais.
Na cadea estudou o filósofo nazi Martín Heidegger, de quen acadou traducindo varias obras. Moi influenciado pola verborrea heideggeriana de Ser e Tempo, de quen tomou o concepto de destino referido a unha comunidade. Expón así unha nova visión ideolóxica do pobo galego que fai descansar na conservación no tempo de aspectos culturais diferenciados. Sendo o idioma o factor determinante introduce a saudade como un distintivo da configuración da comunidade. Para o nacionalismo galego do momento, que teorizaba o feito diferencial dende unha visión marxista que Castelao tomara do catecismo stalinista, supuxo unha traizón. E de aí partiu a ruptura entre o exilio galeguista e o círculo piñeirista do interior. Quebra que o levou a fundar en 1963 o Partido Socialista Galego de raiceiras ideolóxicas socialdemócratas.
Máis o voluntarismo e activismo de Piñeiro logrou montar dende os inicios dos cincuenta, a ditadura suavizara a represión tras os acordos cos EE UU, toda unha serie de iniciativas culturais: creación da editorial Galaxia, fundación da revista de pensamento Grial, e da Revista de Economía de Galicia, que tiñan por finalidade a conservación do idioma galego, tarefa que ante a agresión franquista consideraba prioritaria.
Nos seus derradeiros anos, morreu en 1990, a deriva ideolóxica conservadora faino entrar de deputado no primeiro Parlamento galego da restauración Xoancarlista, como independente nas listas do PSdeG-PSOE. Máis tarde noméano presidente do Consello da Cultura Galega. A súa obra literaria xirará arredor de ensaios que terán como eixo a “bretemosa” idea da saudade, refugando de calquera consideración que leve o mínimo pensamento de liberación colectiva ou de clase.
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Fernando Macarro Castillo (Salamanca, 1920), firmaba como Marcos Ana, en recordo dos pais, os poemas que compoñía e espallaba entre os muros das cadeas franquistas. Moitos deles traspasaron tapias e fronteiras e propiciaron un movemento de solidariedade en Europa que posibilitou a súa posta en liberdade en 1961 tras pasar máis de 20 anos preso.
Militante comunista dende a súa xuventude, participou na defensa de Madrid e foi detido no porto de Alacante durante a desfeita do Exército popular. Inicia, tras a derrota da República, unha vida de sufrimento e resistencia á tiranía que lle impón dúas penas de morte, trocadas en cadea perpetua. O recorrido polos penais máis duros da ditadura, e finalmente o exilio deixan marca na súa obra.
De todo iso e moito máis fala na autobiografía Decidme cómo es un árbol, publicada no ano 2007, e que este sábado, día 9 de maio, o propio Marcos Ana presentaranos no Salón Multiusos do Concello do Barco ás 20.00 horas.
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »

DECLIVE MONÁRQUICO E CAMBIO DE RUMBO
Levamos xa 33 anos aguantando a restauración borbónica, por obra e graza do asasino do Pardo. Amais levamos 30 anos da aprobación do texto constitucional, que nos acabou de embarcar a monarquía como forma de Estado. Arredor de cada aniversario, o 6 de decembro, volvemos escoitar a retórica dos días de festa que soltan os políticos dinásticos, e persoeiros do mundo académico, sobre a necesidade de reformar a Constitución de 1978. Din que para “adecuarla a las necesidades del pueblo español”. Así póñense a divagar sobre a necesidade de modificar o Senado, como si a alguén lle importase ese cemiterio de elefantes; de cambiar a lei electoral, que non se asenta sobre a igualdade de voto, o que suporía ir contra dos seus máis inmediatos intereses; e no colmo do paroxismo igualitario, que neses días os embarga, propoñen facilitar o acceso ao trono ás fillas do terceiro fillo de Xoan Carlos Borbón.
A vixente Constitución si, algún día, se reforma farase de costas ao pobo. Porque naceu nunha votación cun proceso político, o enterro dun réxime autocrático, pouco limpo e de nula lexitimidade. A famosa transición ocultou aos españois a posibilidade de elexir entre Monarquía e República. Proceso que estivo mediatizado por unha oposición apenas saída da longa noite franquista; por uns medios de creación da opinión pública ao servizo das castas dirixentes herdeiras da ditadura; por un aparato do Estado sen depurar; por un Exército en permanente actitude golpista. Unha situación tan favorable para que a dereita sociolóxica do pais impuxera o seu proxecto de Estado, e que non se vai volver a dar.
Por iso reformar hoxe a actual Constitución levantaría a caixa de Pandora das aspiracións populares. Poríase en cuestión os elementos máis escandalosamente antidemocráticos que encerra: o papel político das Forzas Armadas como garantes da “integridad de la patria”, por riba da vontade popular; a deferencia coa Igrexa Católica, que abarca o privilexio da finanzación; a discriminación e irresponsabilidade do Rei, a quen non afecta a igualdade do resto dos súbditos ante a lei; a dificultade dos mecanismos da súa reforma para recompoñer o Estado dende unha prespectiva federal; o esquecemento dos dereitos ao traballo e á vivenda, que foron incluídos para non ser cumpridos; a especificación de salvagardar os intereses da burguesía coa defensa da “economía de mercado” como único medio de articular as relacións de produción.
Fronte esas carencias a alternativa dunha constitución republicana segue a ser un referente para todos os homes e mulleres que queremos transformar politicamente unha sociedade que non nos gusta, por inxusta e por non ser o eixe dunha cultura de liberación colectiva e persoal. Necesitamos máis que nunca a creación dun vínculo entre ética e política diante dun mundo globalizado, no que os intereses das oligarquías mediatizan as decisións en detrimento das aspiracións populares. Necesitamos unha nova base política na que se atopen representados os traballadores de todas as clases. Necesitamos, co exemplo da experiencia popular dos anos trinta, a proclamación da IIIª República.
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
O documental “La isla de Chelo”, que se estrea o vindeiro venres día 17 ás 19.00 horas no Salón Multiusos do Concello do Barco, mostra unha realidade diferente sobre o que foron os inicios da longa noite de pedra da ditadura. É a visión dos perdedores, que tiveron a dignidade de non someterse nunca ao fascismo. Pagaron o maior custe: cadea, torturas, fame, morte. E con esa desinteresada entrega, aparte de dignificarse, acabaron dignificando a todos os que acadamos a liberdade como eixe das nosas vidas.
Os realizadores Odette Martínez, Laetitia Puertas e Ismael Cobo, deixan falar a Chelo, ante dúas viaxes de volta dende a illa de Ré ata Soulecín para homenaxear aos pais soterrados nun camiño da aldea, e para descubrir unha placa no cemiterio do Barco en memoria do irmán e o compañeiro mortos nos vales de Casayo xunto con outros dous camaradas.
Nunha escasa hora Consuelo Rodríguez López “ Chelo”, veciña da aldea de Soulecín, rememora os feitos fundamentais que marcaron a súa militancia guerrilleira. Vai desganando a deserción e fuxida dos irmáns ao monte durante a guerra civil; o asasinato dos pais a mans da Lexión da que ela foi testiño; a morte do seu compañeiro na guerrilla; a vida dos chozos nos cavorcos de Trevinca; os recordos de familiares, de veciños, de amigas, que desempeñaron o papel de enlaces, xogándose a vida como foi o desgarrador caso da Carmen de Fervenza; ata lograr escapar ao exilio francés.
A xente que se acerque ao documental atopará moitos puntos cos que conectar, xa porque viviu eses anos, xa porque familiares contáronllos, xa, para os máis novos, porque queren entender que pasou. A historia de Chelo convertérase nun obxecto de reflexión e debate en moitos foros. E descubrirá aspectos fundamentais para facer unha recuperación da memoria histórica dende posicións de orgullo e dignidade antifranquista.
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Como cada ano arredor do 14 de Abril o Ateneo Republicano de Valdeorras desenrola as xornadas culturais en torno das ideas de igualdade e liberdade.
Nesta terceira edición, malia os escasos medios de que dispoñemos, o programa intenta abarcar dende a solidaridade internacional, cunha exposición sobre a dificil vida dos pobos palestinos e iraquís, ata o recordo do papel das mulleres na loita política na IIª República. Estrearemos na comarca o documental “La Isla de Chelo”, no que a guerrilleira de Soulecín, Consuelo Rodríguez López, cóntanos as convicións que a levaron, xunto cos seus, a enfrontarse a unha cruel e despiadada ditadura.
Seguindo coa dinámica de facilitar aos novos artistas canles de expresión, Vanesa Trigales exporá o súa derradeira obra de óleos e debuxos.
Como ven sendo costume non nos esqueceremos de lembrar aos loitadores antifranquistas coa homenaxe ante o monumento levantado na súa memoria no xardín da Casa do Riocigueño. Remataremos as xornadas coa cea anual na que volveremos a comprometernos coas ideas de progreso e solidaridade que anhelamos plasmar na próxima Terceira República.
Durante a semana presentaremos o terceiro número da revista da asociación Babel.
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »